Celebración do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego

Coa finalidade de conmemorar o Día das Letras Galegas deste ano 2023 e achegármonos á figura de Francisco Fernández del Riego, no IES do Castro desenvolvemos unha serie de actividades tanto nos niveis da ESO coma no 1º de Bacharelato.

A entrada do instituto acolleu unha montaxe dedicada a Fernández del Riego que se artellou a partir dunha serie de obxectos relacionados coa traxectoria vital e coa obra do autor homenaxeado: unhas lentes, unha lupa, imaxes de lugares representativos na súa vida, fotografías familiares, unha camiseta do Celta, unha pandeireta etc. Estes obxectos foron etiquetados cun código QR coa finalidade de que o alumnado coñecese a vida e obra de Del Riego dun xeito lúdico e dinámico. A realización desta actividade correu a cargo das compañeiras da Biblioteca do centro e do Departemento de Lingua galega e literatura.

En colaboración co Departamento de Matemáticas aproveitouse a semana das Letras Galegas para fomentar a lectura da poesía galega situando varios poemas de autores e autoras galegos actuais nas portas das aulas, nos distintos departamentos, na sala de profesores e nos taboleiros do centro. Ademais tamén se puxeron a disposición da comunidade educativa diferentes poemas expostos en sobres e rotulados co título do poema e a autoría.

O alumnado de ESO realizou unhas caixas decorativas baseadas na figura do autor lucense, tanto na súa vida coma na súa obra e os niveis máis altos, uns murais moi creativos. O alumnado de 1º de Bacharelato escolleu unha tarefa para levar a cabo entre varias propostas: un foldable, un pasapalabra virtual, un tríptico, unha infografía, uns marcapáxinas etc. Os traballos foron estupendos e tamén agradecemos ás compañeiras do Departamento de Lingua galega e literatura o entusiasmo transmitido aos rapaces e ás rapazas para que puideran elaborar unhas tarefas tan xeitosas.

Entre os marcapáxinas realizados, un deles foi seleccionado para realizar a actividade Café con letras, que consistiu en que o día 18 de maio todas as persoas que se achegaron a tomar café á cafetaría do noso IES foron agasalladas cun marcapáxinas sobre a figura de Del Riego. A actividade tivo moito éxito e para o curso que vén esperamos poder realizala coa participación dos establecementos hostaleiros da zona do Castro.

Nas imaxes que seguen damos conta das actividades realizadas.


Imaxe 1



Imaxe 2


Imaxe 3


Imaxe 4


Imaxe 5


Imaxe 6: Pasapalabra


Imaxe 7: Exposición de poemas

Publicacións populares deste blog

Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

Entrevistas que suman