Excursión a Celanova: 3º ESO

O día 10 de maio o alumnado de 3º de ESO, como é habitual nos últimos anos, realizou unha visita a Celanova para achegarse á figura do escritor do Rexurdimento Manuel Curros Enríquez grazas ás fantásticas visitas guiadas que organiza a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas da vila.

Pola mañá a actividade centrouse na visita da casa museo de Curros Enríquez e tamén no mosteiro de San Salvador de Celanova e a capela mozárabe de San Miguel. Ademais, os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de asistir ao concerto didáctico e acompañar coa frauta o órgano tocado por Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense. 

Pola tarde a visita continuou pola pequena vila de Vilanova dos Infantes, moi vinculada á traxectoria vital do escritor do século XIX, onde o alumnado puido coñecer unha reprodución da talla da virxe do Cristal, que serviu ao escritor para compoñer o texto "A virxe do Cristal" en homenaxe á lenda contada pola súa nai. A última visita do día foi ao xacemento arqueolóxico de Castromao, un dos principais referentes entre os poboados castrexos do noroeste peninsular. 

A saída estivo organizada polos departamentos de Lingua galega e literatura, Música e tamén polo EDLG.

Foi unha xornada moi produtiva e divertida e para dar conta dela, velaquí quedan algunhas imaxes facilitadas pola profesora Laura Montes.


Imaxe 1

 
Imaxe 2


Imaxe 3


Imaxe 4


Imaxe 4


Publicacións populares deste blog

Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

Entrevistas que suman

Celebración do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego