Celebración do Día de Rosalía: 23 de febreiro de 2023

O día 23 de febreiro conmemoramos, igual que o curso pasado, o Día de Rosalía con motivo dos cento oitenta e seis anos do seu nacemento. Foi unha xornada festiva na cal colaboraron diferentes departamentos e alumnado de practicamente todos os niveis educativos.

Este ano as actividades estiveron centradas nos versos rosalianos "¡Follas novas!, risa dáme..."  e precisamente foi este lema o utilizado para que os rapaces e as rapazas de 2º de ESO decoraran as siluetas dunhas follas de camelia, carballo e ombú e escribisen nelas un versos extraídos do poemario Follas Novas. Nesta actividade participaron as compañeiras do Departamento de Lingua Galega que imparten estes niveis educativos e dende o EDLG queremos agradecer a súa colaboración e o fomento da creatividade entre o alumnado.

Os grupos de 3º de ESO seleccionaron varios poemas rosalíanos e crearon unhas versións en rap ben xeitosas coa axuda da profesora de Oratoria. Ademais, na exposición que ofrecemos na imaxe participou o alumnado de 1º de Bacharelato de Debuxo artístico, que elaborou unhas estupendas láminas centradas no noso lema deste ano co asesoramento da profesora do Departamento de Educación Plástica e Visual, a quen tamén queremos agradecer a súa participación xunto co equipo da Biblioteca Xosé Sande do noso IES, que se encargou da fantástica exposición de obras da autora máis destacada do Rexurdimento.

Finalmente, a xornada completouse coa lectura de poemas da autora en varias linguas (alemán, inglés, francés, catalán e portugués) da man do alumnado dos cinco grupos de 1º de Bacharelato que temos no centro. A actividade estivo inspirada no proxecto Rosalía é mundial, posto en marcha hai algúns anos pola Fundación Rosalía de Castro e a Universidade de Vigo.


Imaxe 1: Collage coas actividades conmemorativas 
do Día de Rosalía de Castro




Imaxe 2: exemplo das follas decoradas
con versos rosalianos

Publicacións populares deste blog

Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

Entrevistas que suman

Celebración do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego