Excursión a Pontevedra: Camiñada Sarmiento e Museo de Pontevedra

O día 30 de abril o alumnado de 1º de Bacharelato realizou unha saída didáctica na cal participaron o EDLG, o Departamento de Xeografía e Historia e o Departamento de Lingua Galega.

O día comezou realizando a Camiñada Sarmiento, promovida polo Servizo de Normalización do Concello de Pontevedra, a través da cal puidemos coñecer os espazos polos que transitou o bieito ilustrado durante a súa infancia e primeira mocidade na casa familia situada na praza de Méndez Núñez. Durante a hora e media que durou a andaina visitamos a rúa Sarmiento, os Arcos de San Bartolomeu, a praza da Pedreira, a rúa do Arco, a praza de García de la Riega, a Enfesta de San Telmo, a praza de Alonso de Fonseca, a avenida de Santa María, a praza de España, a rúa da Alfóndega, a rúa Tetuán, a rúa Real, a praza da Ferraría, o paseo de Antonio Odriozola, a Pasantería e, finalmente, a praza da Leña con un excelente guía que soubo contarnos as historias sobre a cidade de Pontevedra e a figura de Sarmiento do xeito máis ameno e divertido posible.

Ao rematarmos o roteiro, despois dun merecido descanso, trasladámonos ao Museo de Pontevedra para coñecer a obra de mulleres galegas artistas, visita guiada baixo o título Invisibles: arte en feminino. Alí tivemos a oportunidade de achegarnos á obra pictórica e escultórica de artistas femininas dende as últimas décadas do século XIX ata o comezo do século XXI. Entre elas Carmen Babiano, Elvira Santiso, María Röesset, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Mª Victoria de la Fuente, Mª Antonia Dans, Elena Comeiro, Almudena Fernández ou Sofía Morales. Foi unha visita moi interesante e puidemos aprender moito das nosas artistas.

A actividade serviu para que na materia de Lingua Galega e Literatura o alumnado puidese ampliar os seus coñecementos sobre o movemento ilustrado en Galicia e na disciplina de Xeografía e Historia coñecese de primeira man a obra de artistas galegas, que foron estudadas na aula.

Dende o EDLG do IES do Castro queremos agradecer ao Museo de Pontevedra e ao Departemento de Lingua do Concello de Pontevedra as súas iniciativas para promover o uso da lingua e realizar actividades orientadas ao alumnado dos centros educativos.

Velaquí algunhas imaxes que amosan o ben que o pasamos!

Imaxe 1


Imaxe 2


Imaxe 3

Imaxe 4

Imaxe 5


Cabeza de muller de Maruja Mallo, 1946

Nota: as imaxes do alumnado contan con autorización para a súa publicación.

Publicacións populares deste blog

Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

Entrevistas que suman

Celebración do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego