Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

O alumnado de 1º de Bacharelato A o día 7 xuño, xa coa avaliación rematada, tivo a oportunidade de achegarse á figura do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, visitando a Biblioteca Penzol, da cal foi director e á cal dedicou moito do seu tempo. A saída estivo organizada polo EDLG e polo Departamento de Lingua galega e literatura e os rapaces e rapazas estiveron acompañadas polas profesoras Susana Paz e Raquel Rodríguez.

A visita comezou ás 12:15h da man do seu director, Xosé Manuel Soutullo, un extraordinario guía, que nos recibiu no salón de actos da Casa Galega da Cultura e nos contou a historia da institución e tamén a vinculación cos galeguistas Fermín Penzol e Francisco Fernández del Riego. Unha edición facsimilar do Códice Rico das Cantigas de Santa María, coordinadas por Afonso X, e do Cancioneiro de Ajuda abriron o percorrido pola institución. 

Deseguido, a visita continuou polas bibliotecas Penzol e Fernández del Riego e polo arquivo e alí puidemos coñecer o valor dos fondos que se custodian no edificio relacionados coa cultura e o patrimonio galego, pero tamén coa literatura universal. En concreto, chamounos a atención a primeira edición de dúas obras fundacionais para a Literatura galega como son Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro e Aires da miña terra (1880) de Manuel Curros Enríquez. Ademais, coñecemos o pergameo máis antigo custodiado no centro, escrito en latín, un documento a prol do Estatuto de Autonomía da autoría de Luís Seoane, cartografía antiga e unha vistosa executoria de fidalguía.

Tamén visitamos a recreación da sala de Ramón Piñeiro e a exposición permanente do Museo Francisco Fernández del Riego, onde puidemos coñecer obras de Ovidio Murguía, Luís Seoane, Colmeiro, entre moitos outros e outras artistas. O mapa de Domingo Fontán, exposto nas escaleiras que levan ao primeiro andar, puxo o peche á nosa visita á Casa Galega da Cultura.

A nosa xornada rematou na rúa Real, lugar ao que acudimos para situar a antiga imprenta de Juan Compañel Rivas, exactamente no número 21 da dita rúa e non no número 12 como se pensou durante moito tempo e así nolo deu a coñecer o historiador vigués Xurxo Martínez González.

Velaquí algunhas imaxes e un vídeo que ilustran a nosa última saída deste curso escolar.


Imaxe 1


Imaxe 2



Imaxe 3


Imaxe 4

Imaxe 5: nº 12 da rúa Real de Vigo


Imaxe 6: nº 21 da rúa Real de Vigo


Vídeo da xornada

Publicacións populares deste blog

Recursos electrónicos en Lingua galega

Presentacións do alumnado relacionadas coa cultura e o patrimonio galego