Excursión á Illa de San Simón e Santo Antón: 4º ESO

O 15 de maio os grupos de 4º de ESO do IES do Castro visitaron a Illa de San Simón e Santo Antón nunha viaxe organizada polos departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Galega e Literatura e o EDLG, na que tamén participaron compañeiras dos departamentos de Inglés e Educación Física.

A xornada comezou arredor das 10:00 no peirao de Vigo. Alí as guías da navieira Nabia fixéronnos un percorrido polos lugares e edificios máis senlleiros e déronnos a coñecer as distintas etapas históricas polas que pasou o enclave, dende a época medieval e os seus monxes, pasando polo seu uso como lazareto ata chegar á actualidade, en que é un centro de recuperación da memoria histórica.

As explicacións relacionadas coa batalla de Rande, o ataque de Francis Drake, os trobadores medievais Mendiño e Martín Códax, Xulio Verne, o cemiterio da illa e o campo de concentración que acolleu durante a dictadura franquista ocuparon parte da xornada e servíronnos para coñecer a historia dunha illa que temos moi preto. Pola tarde, despois dun descanso para repoñer forzas, o alumnado participou nunha xincana consistente en buscar polas dúas illas unha serie de preguntas relacionadas coa contorna e, finalmente, ás 16:30h collemos o barco para retornar ao peirao vigués.

A saída resultou moi interesante para o alumando, dado que puido identificar dende as fontes de inspiración dos poetas medievais ata a importancia das decisións históricas, que como no caso da creación do lazareto, determinan o desenvolvemento do porto de Vigo e directamente da propia cidade. Tamén, percibiu a necesaria conservación e respecto de espazos coma este, posto en valor na actualidade por exemplo co seu uso no Festival Sinsal.

Agradecémoslle ao profesor Aníbal U. a información sobre a saída e as imaxes, que son da súa autoría e coas que queremos deixar constancia da saída.


Imaxe 1


Imaxe 2


Imaxe 3

Imaxe 4


Imaxe 5







Publicacións populares deste blog

Visita á Fundación Penzol e á antiga imprenta de Juan Compañel

Entrevistas que suman

Celebración do Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego